domingo, 18 de septiembre de 2011

CASTO SAMPEDRO Y FOLGAR

Personaxes ligados coa música galega 

Casto Sampedro

Casto Sampedro y Folgar, nado en Redondela o 15 de novembro de 1848 e finado en Pontevedra o 8 de abril de 1937, foi un folclorista e investigador da arqueoloxía galego.

Traxectoria
Seus pais, Ramón Sampedro e Asunción Folgar, tiveron en total nove fillos dos cales Casto era o máis pequeno. A súa familia, era veciña desta vila e grazas aos estudos do proprio Casto temos datos dabondo sobre a familia paterna, que investigou ansiosamente. Porén só sabemos que a familia de súa nai procedía de Santiago. Por parte do pai hai datos que indican que esta estaba afincada en Redondela e que aparecía moi unida á vila desde o século XVIII. Ademais hai que ter en conta que pola parte paterna xa desde o seu bisavó todos os homes da familia estiveron vinculados ao mundo das leis, dato importante e de sumo interese para a súa biografía.

O autor comezou a carreira eclesiástica, como o seu irmán Ricardo, primeiro no Seminario de Tui e logo no de Ourense, lugar onde se inicia como músico. Á saída do Seminario vai á facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, rematando a licenciatura en 1872 e matriculándose como avogado en Redondela. En 1875 opúxose ás actitudes do xuíz de 1ª instancia e isto fixo que se trasladase á cidade de Pontevedra. Nesta cidade abriu o seu bufete e casou con Josefa Mon y Londa, filla de Alejandro Mon, coa que tivo sete fillos, ningún deles con descendencia e todos letrados.

Na súa casa, D. Casto tiña un despacho onde se atopaba unha das mellores bibliotecas de Galiza con obras sobre arqueoloxía, historia e folclore. Alí, ademais, sucedían concorridas tertulias de xente de pé que entraba e saía continuamente da casa do autor pontevedrés.

Fundou a Sociedad Arqueológica de Pontevedra en 1894, lugar onde recuperou e axuntou valiosísimos fondos arqueolóxicos, epigráficos, heráldicos, Foi un grande erudito do seu tempo e un dos mellores formados. xa que tiña coñecementos das linguas clásicas, dominio da epigrafía e da paleografía, ademais de ser un excelente musicólogo. O Cancionero musical de Galicia foi un dos seus mellores traballos. Tamén foi o mellor heraldista galego da súa época. Interesouse moito polos distintos gremios, a súa forma de traballar, os contratos, o léxico que empregaban,...


Real Academia Galega
Entre os recoñecementos que aceptou, algo estraño porque non quería ningún tipo de recoñecemento público, destaca ser membro Numerario Fundador da Real Academia Galega, correspondente da de Historia e Belas Artes, presidente da Comisión de Monumentos, Cronista da Provincia e primeiro director do Museo Provincial de Pontevedra, Deputado Provincial e Vicepresidente da Corporación...

Polo demais, na súa personalidade destaca a súa modestia, xa que non lle gustaba participar en actos públicos, nin asinar as obras que el escribía, así como artigos. Por este motivo se conservan tan poucas obras del, xa que non se sabe con certeza cales foron as obras que eran propiamente del. Si se sabe que son da súa autoría o Cancionero Musical de Galicia, algúns artigos e un poema en galego elaborado na súa época de mocidade, en 1872, en Vigo. Todo o labor realizado por Casto Sampedro y Folgar tiña que ver co interese que lle suscitaba todo o que xiraba ao redor do coñecemento de tradicións, historia, cultura e antropoloxía en xeral. Por esta razón é moi comprensíbel que fose el e non outro a persoa que iniciou a recolleita do Cancionero Musical de Galicia que a continuación se comenta moito máis polo miúdo. Todos os seus intereses encamiñábano a poder elaborar unha obra de tan grande magnitude.

Tamén é importante mencionar a actitude cordial que mantiña coa xente da que adoitaba estar rodeado e a especial relación que mantivo con Víctor Said Armesto, a persoa que colaborou con el na elaboración do Cancionero Musical de Galicia. Por outra parte, el foi un dos que impulsou a famosos debuxantes e fotógrafos que por aquela época colaboraban na Sociedad Arqueológica con Casto Sampedro. Hoxe moitas das obras destes fotógrafos consérvanse, en certo sentido, grazas á figura deste autor.

Para rematar esta biografía non se pode deixar de mencionar, que a nivel histórico, a figura de Casto Sampedro y Folgar, foi a continuación de Manuel Murguía, feito que indica a grande importancia que debía de ter o autor na época xa que foi considerado o sucesor de Murguía tras a súa morte. Por outra parte, mantivo tamén contacto con personaxes como Castelao, a quen animou a continuar co debuxo e coa arte da caricatura.

Foi, pois, un figura de suma importancia no século XIX e nos inicios do século XX. Morreu na casa dos xardíns de Pontevedra que levan o seu nome o 8 de abril de 1937 con máis de 90 anos de idade.

Tendo en conta a súa obra non se pode deixar sen comentar a importancia que constitúe o seu cancioneiro xa que ten como característica principal a conservación da música e a descrición dalgunhas danzas, feito realmente interesante se se teñen en conta as datas en que foi realizada a recolleita e a posterior compilación (fins do XIX) e os escasos medios con que debían contar Sampedro e os seus colaboradores para este fin.

A obra é pois unha boa mostra de diferentes cancións recollidas por unha boa parte de Galiza incluíndo tanto as letras como a música e, ás veces, a danza que as acompañaban.

No hay comentarios:

Publicar un comentario